Tuesday 21 de May de 2024

A Xunta auna esforzos coas universidades na sensibilización e na formación para avanzar cara á igualdade


A secretaria xeral de Igualdade participou na inauguración da IV Xornada Universitaria Galega en Xénero: Perspectiva de Xénero na Docencia Universitaria

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella resaltou a suma de esforzos do goberno galego coas universidades para por en marcha un proceso de sensibilización, formación e medidas concretas de actuacións para avanzar cara á igualdade e que supriman as barreiras de xénero existentes.

Susana López Abella participou na inauguración da IV Xornada Universitaria Galega en Xénero: Perspectiva de Xénero na Docencia Universitaria, na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, xunto coa secretaria xeral da Universidade de Vigo, Gloria Pena ; a concelleira de Igualdade do concello de Santiago, Marta Lois; o Reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde e o Reitor da USC, Juan Viaño.

Esta xornada está organizada polas oficinas de Igualdade das universidades de Galicia, coma un punto de encontro para o persoal docente investigador que traballa con perspectiva de xénero. Impulsar a aplicación da transversalidade de xénero como un criterio de excelencia universitaria ou crear redes de colaboración para integrar a perspectiva de xénero na práctica docente son algúns dos obxectivos desta xornada.

Nesta mesma liña, López Abella indicou que as actuacións dende a perspectiva de xénero no ámbito social, tecnolóxico e educativo son estratéxicas para avanzar cara a un modelo de sociedade máis xusta e acorde coas necesidades actuais. E destacou o traballo das universidades que están educando, formando a futuros profesionais e relacionándose con diferentes institucións e entidades proxectando unha imaxe de igualdade..

Dende o Goberno galego considerase prioritario incrementar a presenza da muller nos ámbitos científicos e tecnolóxicos de Galicia, pois unha maior presenza de mulleres na investigación contribuiría a enriquecer a actividade científica e, favorecendo con igual énfase a esixencia, o esforzo e a excelencia, nun marco de igualdade de oportunidades.